sábado, 16 de mayo de 2015

As Cortes aproban a Lei para a reforma política

Di Fernando Ónega que o verdadeiro milagre de Adolfo Suárez foi conseguir a ruptura chamándoa reforma. A aprobación polas Cortes da Lei para a reforma política, que desmontaba a estrutura legal do franquismo, foi a culminación dese milagre, e Torcuato Fernández Miranda o director da representación. El pediu a Miguel Primo de Rivera, procurador e conselleiro nacional, e ao procurador e ex ministro de Franco Fernando Suárez, que formasen a ponencia cos procuradores Belén Landáburu, Lorenzo Olarte e Noel Zapico; todos con idades entre 42 e 44 anos, polo que ningún vivira a Guerra Civil.
A presentación nas Cortes fíxoa Miguel Primo de Rivera, sobriño do fundador da Falanxe, para explicar que se trataba de elaborar unha nova Constitución dende a legalidade da Constitución vixente. Blas Piñar, José María Fernández de la Vega e Raimundo Fernández Cuesta defenderon enmendas á totalidade porque o que esa lei intentaba era acabar co Réxime.
A réplica de Fernando Suárez foi brillantísima, e a lei aprobouse con 425 votos a favor, 59 en contra, 13 abstencións e 34 ausencias. Era o 18 de novembro de 1976, e o que Franco deixara «atado e ben atado» un ano antes, quedaba desatado.